Repsol

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > Responsabilidade Corporativa > Mensaxe do Presidente
   

Entrevista ao presidente executivo

A axenda da sostibilidade é menos prioritaria hoxe?

A sostibilidade é un obxectivo irrenunciábel. É certo que hai unha enorme presión para resolver as cuestións urxentes e que isto pode detraer a atención da axenda da sostibilidade. Non obstante, está por ver que o noso planeta teña suficientes materias primas e recursos naturais para abastecer as novas clases medias, e suficiente capacidade de asimilación dos impactos ambientais asociados. A nosa capacidade para facer viábel a longo prazo o benestar e as demandas de desenvolvemento da humanidade depende de que xestionemos dun modo sostíbel os recursos, particularmente a auga, a enerxía e o territorio. Saír da crise con máis do mesmo sería unha vitoria pírrica; estariamos máis lonxe de resolver problemas de maior magnitude. Hai que aproveitar a situación e propoñer cambios importantes no paradigma de crecemento, cun foco moi claro na frugalidade no uso dos recursos.


É a demanda crecente de enerxía o problema?  

O modelo de desenvolvemento dos países industrializados baseouse no acceso aos recursos naturais a custos moi eficientes. O crecemento demográfico e os cambios nos patróns de consumo que supón o proceso imparábel de concentración urbana das poboacións estannos levando ao inicio dun novo modelo enerxético global, que necesariamente debe ser máis eficiente. As súas principais variábeis son a demanda crecente, a necesidade do acceso universal á enerxía e a compatibilidade coa estabilidade climática do planeta. Tendo presentes esas variábeis, é imprescindíbel diminuír as necesidades de enerxía do crecemento económico, reducindo a intensidade e aumentando a eficiencia enerxética, e descarbonizar o uso de fontes de enerxía primaria utilizando recursos enerxéticos con menor contido en carbono.

"Temos que apostar por conceptos coma o da innovación frugal, que busca manter e estender os niveis de benestar co menor uso posíbel de recursos naturais."

Que consecuencias ten a inacción?

Se non cambiamos os patróns de produción e consumo, haberá consecuencias económicas, sociais e ambientais. Un aumento dun 10% do prezo no barril de cru supón un 0,25% menos de crecemento económico global. Pois ben, o petróleo incrementou o seu prezo un 400% dende o ano 2000, en sintonía con outras materias primas, e non hai indicios de que a tendencia vaia caer. Desafortunadamente isto significa que os países que máis necesitan medrar son os que o van ter máis difícil. As consecuencias sociais son as que exemplifica a primavera árabe, un grito de liberdade, si, pero precedido dunha gran crise alimentaria, e a persistencia da pobreza extrema no mundo por moito máis tempo. A ONU dá por suposto que continuaremos lamentando a perda dun millón e medio de nenos cada ano pola falta de infraestruturas sanitarias e de auga potábel. Esta é unha situación real que convive co noso modelo de desenvolvemento baseado no uso intensivo de recursos. En canto ao ambiente, a tensión da demanda poderá poñer en serio risco os plans para embridar o cambio climático, o que pode ter consecuencias difíciles de predicir.

Os cambios realmente transformadores virán de xente creativa, sen medo a arriscar, xente que comprenda o valor da diversidade, da multiculturalidade, da flexibilidade.

Hai por diante cambios inesperados?

Por suposto. O cambio en si é o novo escenario. Para adaptarnos, primeiro hai que admitir que o modo habitual de facer as cousas xa non nos serve. Temos que transformarnos para facelas doutro modo. Na innovación está a clave para resolver a encrucillada da pegada ambiental do desenvolvemento. Hai que apostar por conceptos como o da innovación frugal, que busca manter e estender os niveis de benestar co menor uso posíbel de recursos naturais. Os cambios realmente transformadores virán de xente creativa, sen medo a arriscar, xente que comprenda o valor da diversidade, da multiculturalidade, da flexibilidade. As empresas debemos ser dilixentes en buscar e cultivar este talento. Debemos tamén basear o progreso na cooperación tanto como na competencia, e merecer a confianza social perdida abríndonos ao escrutinio público, apostando pola transparencia e involucrándonos no respecto dos dereitos humanosna loita contra a corrupción.

   

En canto ao desempeño de Repsol en sostibilidade en 2011, que destacaría?

Actualmente somos a empresa de petróleo e gas máis sostíbel do mundo, de acordo co índice de sostibilidade de Dow Jones e, sen caer na autosatisfacción, este Informe Anual está cheo de datos que apuntan á consolidación da tendencia positiva na nosa contribución ao desenvolvemento sostíbel. Creamos comités nacionais de Responsabilidade Corporativa en España, Bolivia, Ecuador e Perú, que se van ocupar de coordinar e impulsar todos os aspectos que teñen que ver co desenvolvemento sostíbel nestes catro países. En canto á seguridade, seguimos mellorando notabelmente, cun índice de frecuencia de accidentes con baixa integrado un 20% inferior ao do ano anterior. En 2011 instauramos a avaliación de impactos para todos os proxectos, o que responde á nosa filosofía de operar con enfoque preventivo sobre os impactos potenciais das nosas actividades. Por outra parte, nunha época na que valoramos tanto un posto de traballo, o número de persoas que traballan en Repsol aumentou, e a porcentaxe de mulleres segue mellorando, tamén no segmento de directivos. Por último, é de agradecer que, en 2011, o índice de satisfacción dos nosos clientes mellorase en todos os países e en todos os negocios.

  • Avaliar páxina
  • Engadir a Favoritos
  • Imprimir
  • Liña separadora
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en Twittter
  • GooglePlus
  • Compartir noutras redes sociais
  • Delicious
  • Menéame
  • Buzz
  • Digg
  • MySpace
  • Wikio

Última actualización: 24 de maio de 2012

Contacto

C/ Méndez Álvaro, 44
Teléfonos: (34) 91 75 38 100 / (34) 91 75 38 000
28045 Madrid (España)
repsolteescucha@repsol.com

Informe de Responsabilidade Corporativa 2011
  • Glosario

          

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.

Nota informativa: Os PDF só se atopan dispoñíbeis en castelán.